Converxencia Galega (CG)

Benvida

Estimado/a amigo/a:

En nome de todas as persoas que formamos Converxencia Galega, quero agradecerte o teu interese pola nosa formación ao visitares esta páxina web.

Converxencia Galega nace para pórse ao servizo dos galegos e galegas, preocupándonos o que estes pensan: as súas necesidades, os seus problemas, os seus intereses, as súas ilusións.

En CG temos a certeza de que hai máis Galicia: unha Galicia dinámica, vital, emprendedora e orgullosa de si mesma. A Galicia que ti desexas. E para lograla pedímosche o teu apoio porque, coma ti, queremos e sentimos esta terra, vivimos como propios cada un dos seus problemas e indignámonos cando esta volve ser discriminada. Porque estamos convencidos de que Galicia precisa dunha forza política como a nosa. Unha forza democrática, plural, participativa, aberta ao progreso e a todos os movementos que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas. Unha forza que aposte polo diálogo e o sentido común.

Esta web é o punto de encontro onde todos –afiliados, simpatizantes, amigos, cidadáns- estades convidados a participar aportando as vosas ideas e críticas. Porque precisamos de ti para facer medrar este proxecto. Porque precisamos de ti para mellorar a nosa terra. Súmate a nós para mellorar Galicia!

Quen somos

Converxencia Galega somos un grupo de galegos e galegas aos que nos une o amor por Galicia. Os que formamos este partido sentimos e queremos a nosa terra por riba de todo. É por iso que temos a vontade de traballar para convertelo nun país máis xusto e solidario, máis próspero e moderno. En definitiva, nun país mellor.

Presentamos, desde a humildade e o sentido común, unha mensaxe en clave galega, positiva e integradora, aberta a toda á sociedade sen exclusións e cunha clara vocación europea e cosmopolita. Pero sobre todo presentamos aos galegos un proxecto comprometido coa defensa dos intereses sociais e económicos da nosa terra, así como tamén pola nosa lingua, cultura e identidade colectiva.

Consideramos que, boa parte da sociedade, farta do panorama social e económico que está a vivir o noso país, non se sente representada por ningunha das grandes formacións políticas, as cales, incapaces de aportar solucións aos problemas reais da xente, danlle constantemente ás costas aos galegos, vivindo moi afastados do verdadeiro día a día destes.

Boa proba disto son os milleiros de traballadores que cada mes se incorporan ás listas do paro, as moreas de autónomos que están a pasar verdadeiras dificultades para non pechar os seus negocios, os miles de gandeiros e labregos que vense obrigados a abandonar as súas explotacións ou os centos de mozos e mozas que, tras acabar os seus estudos, non lles queda outra que ir buscar traballo fóra ante a falta de oportunidades laborais que a súa terra non é quen de ofrecerlles. A indefensión ante a que se encontran todas estas persoas semella que aínda non parece preocupar aos grandes partidos do país, os cales seguen enfrascados en polémicas e disputas secundarias.

A maioría das persoas que formamos parte da familia converxente procedemos da independencia política ou doutras formacións de carácter galeguista. Outros moitos non teñen experiencia na política. Todos xuntos converxemos neste proxecto. E pretendemos que CG sexa o punto de encontro para moitos máis galegos e galegas.

Sabemos que por diante temos un camiño duro e cheo de adversidades. Por iso afrontamos este proxecto sen presas, sendo conscientes das nosas limitacións e cunha perspectiva a medio-longo prazo. Sen a pretensión de obter grandes resultados inmediatos. É por iso que tentaremos traballar pola nosa terra coa maior humildade e realismo posible. Cos pés na terra.

Os nosos principios ideolóxicos

Somos un partido galego e nacionalista comprometido coa defensa da identidade nacional da nosa terra. Un colectivo que loita por un nacionalismo aberto, integrador, tolerante, moderno e cosmopolita. Que defende un novo modelo territorial de Galicia no Estado Español, apostando por unha relación de tipo confederal entre ambos.

Somos un colectivo interclasista, aberto a todos os galegos e galegas con independencia da súa condición social ou hábitat de procedencia. Un colectivo que defende os intereses da sociedade en xeral fronte os intereses dunha clase social en particular. Que loita por unha sociedade na que os diferentes segmentos sociais, lonxe de enfrontarse entre si, traballen xuntos polo ben común.

Somos un partido europeísta e aberto ao mundo. Comprometido por unha Galicia forte e con voz directa en Europa, que cre nunha Europa sólida e unida no mundo. Un europeísmo que loita polo recoñecemento da Europa dos Pobos fronte a caduca visión da Europa dos Estados. Que aposta polos intereses comúns de todos os europeos fronte aos intereses particulares dos estados membros que a integran.

Serán por parte nosa obxectivos a defender: